viernes, 14 de noviembre de 2014

Tamuxe destacou en Os Seixiños a riqueza arqueolóxica de Salcidos


Este xoves 13 de novembro celebrouse no Bodegón Os Seixiños en A Gándara (A Guarda) a conferencia do escritor e investigador rosaleiro Xoán Martínez Tamuxe, que levou por título “A Prehistoria entre a Gándara e Salcidos”.

Asistiron a este evento, ademais dos propios veciños da parroquia e arredores, os concelleiros de Cultura e de Patrimonio do concello guardés, Antonio Lomba e Javier Crespo, así como a responsable de cultura do Rosal, Charo Tabales e a tenente de alcalde, Mª Carmen Alonso.

Igualmente, destacar a presenza do profesor e doutor en Historia, Joaquín Miguel Villa Álvarez, quen foi o prologuista do libro de Tamuxe sobre Salcidos e que confirmou a súa participación, prometendo tamén pronunciará unha conferencia nestas xornadas socioculturais organizadas no local que dirixe Sergio Rodríguez “Trinta”.

Martínez Tamuxe comezou a súa intervención lembrando que tomaba, precisamente, como fonte documental, o libro Parroquia de San Lorenzo de Salcidos. Aproximación histórica. Padroado dos Condes de Priegue, realizando unha reseña sobre a etimoloxía dos topónimos principais da parroquia (Salcidos, A Gándara, Seixiños…).

O conferenciante, cunha proxección de fotografías inéditas, explicou todas as curiosidades dos xacementos máis importantes da zona, á vez que facía referencia ás pezas do Paleolítico, Mesolítico, Neolítico, Idade do Bronce e Romanización, que nese momento estaban expostas no local.

Tamuxe, nesta novidosa conferencia, resaltou a riqueza das distintas estacións de petróglifos que se atopan no Monte Torroso ou a importancia dos castros de A Bandeira, Cividáns e o asentamento romano da Proba. 

0 comentarios:

Publicar un comentario